Sunday 05 de May de 2024

A Xuna destina 1M€ á comarca de Ferrolterra para a contratación de 123 desempregados a través dos seus programas de emprego para concellos


A administración autonómica investirá 4,3M€ na provincia da Coruña para crear 488 postos de traballo
A Xunta informou da resolución do Consello da Xunta de varios dos programas de emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria para a comarca de Ferrolterra para o 2020 aos que se destinarán máis de 1 millón euros para os tres plans de emprego da Xunta: Aprol Rural para desempregados do rural; as axudas para a contratación de perceptores da Risga e para desempregados para realizar obras ou servizos de interese xeral. En total crearanse 123 postos de traballo na cidade e municipios da área de Ferrolterra. Na provincia da Coruña o investimento total ascende ata os 4,3millóns para crear 488 postos de traballo.

Aprol Rural
O Aprol Rural, co que se apoia a contratación de persoas sen emprego no rural galego, financiará a totalidade dos custos salariais nos contratos, incluída a Seguridade Social segundo estea marcado no convenio colectivo vixente no momento no que o concello presentou a súa solicitude.

Aprol Rural suma na comarca de Ferrol 301.000 euros, un orzamento co que se financiará a contratación durante un período de 9 meses, e creará 22 postos de traballo para a realización de tarefas relacionadas, maioritariamente, coa prevención de incendios nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
Terán prioridade os concellos fusionados e os emprendedores. Como novidade con respecto a anteriores edicións, os concellos rurais de menos de 2000 habitantes poderán contratar a persoas que xa fosen contratadas por un período igual ou superior a 9 meses con cargo a axudas concedidas no ano 2019 pola Consellería de Economía, Emprego e Industria no eido da colaboración coas entidades locais e sen ánimo de lucro. Os contratos terán unha duración de 9 meses a tempo completo.
Na provincia da Coruña este programa creará 121 postos de traballo grazas a unha investimento de máis de 1,6 millóns de euros.

Risga
Polo que respecta á contratación dos preceptores do Risga, sumará na comarca de Ferrolterra máis de 612.000 euros, e permitirá a contratación de 47 persoas.  O obxectivo deste programa é proporcionar aos beneficiarios a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral a través dun contrato laboral que será subvencionable durante 9 meses.
Na provincia da Coruña este plan de emprego conta cun orzamento máis de 2,1 millóns e creará 180 postos de traballo.

Desempregados
O terceiro dos programas de emprego refírese ao plan de cooperación co que se apoia a contratación persoas sen emprego para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social co obxectivo de proporcionarlles experiencia e práctica profesional que permita a súa inserción, este programa destínase na maior parte dos casos á contratación de socorristas.
Os contratos serán de tres meses -no caso de que sexan a tempo completo- ou de seis meses para os de tempo parcial. Na comarca de Ferrol financiaranse 54 contratos cun apoio de 168.000 euros.
Na provincia da Coruña o número de desempregados contratados ascenderán a 187 cun orzamento total que supera os 591.000 euros.